A relixión feita tempo,
Auga, frío e inquedanzas varias,
Un espírito ligado a un paraugas
Unha cor monocromática envolta en melancolía,
O agasallo dun deus pagano a un povo-mito ou mitificado,
Unha dor de pés de varios séculos,
A peregrinaxe cara a promesa dunha pantasma,
Unhas cinzas que non se ven,
A fé dun cego que non quere ver,
Camiño de pedra asasino de tacóns,
O alivio na desesperación do descrido,
afogo nas noites de verán,
o trebón do estío enxavonando culpas,
acocho dun mesmo
columnas-bastón confidentes do alcohol,
lar de prostitutas verbais,
mulleres que se venden a cambio de almas
que levar á boca do ceo,
un non sei que de arrepentimento no derradeiro minuto,
un xiro á esquerda ou a dereita,
a propietaria do salón da miña casa,
nido de santos homes que esquenceron rezar,
un pecado feito badalada,
o arrepentimento que nunca se arrepentiu,
a existencia máis cómoda do mundo,
cidade-estado que quixo ser Atenas,
o inconformismo do 68,
estudantes que souberon morder linguas alleas,
pais extraditados da aldea veciña,
ilusións que chegaron a un porto sen mar,
a choiva que molla pero non afoga,
o son omnipresente dunha gaita,
o baile infindo das 12 ás 12,
un punto sen lei que quixera governar o mundo,
unha voz que fala polas estrelas,
unha cuncha internacionalizada á forza,
un ti máis outro sen rumbo fixo,
un “que máis dá o camiño”
o berro dunha torre cansa de tocar,
as historias que só coñece o cidadán,
escola de músicos, pintores e artistas varios,
sancristía de segredos con chave,
unha chave sen fechadura
a esmorga máis longa da historia,
lugar de encontro do que se esquence co tempo,
sumidoiro de cotilleos e cotillonas,
estudios antergos que só ós cregos obrigan,
lambetadas de modernidade devedora da vellez,
poema libre que só muda na forma,
contido que só muda co escritor.
De Lupe
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario